É sabido que o Consorcio da World Wide Web (W3C) crea os estándares para a Web. A súa misión é levar a Web ao seu potencial máximo, desenvolvendo tecnoloxías (especificacións, liñas directrices, software e ferramentas) que favorezan o intercambio de información, o comercio, a inspiración, a libre iniciativa e a comprensión colectiva. Este resumo en sete puntos presenta os obxectivos e principios de funcionamento do W3C.
O W3C define a Web como o universo de información accesible por rede (por medio de ordenador, teléfono, televisor, neveira intelixente...). Hoxe ese universo beneficia á sociedade, permitindo novas formas de comunicación humana e oportunidades de compartir coñecemento. Un dos primeiros obxectivos do W3C é poñer estes beneficios ao dispor de todas as persoas independentemente de cales sexan o seu hardware, software, infraestructura de rede, lingua, cultura, localización xeográfica e capacidade física ou mental. As Actividades de internacionalización, independencia de aparellos, navegación por voz e a iniciativa de accesibilidade da Web ilustran o noso compromiso polo acceso universal.
Actualmente os usuarios da Web comparten o coñecemento empregando linguaxes esencialmente humanas. Coa Web semántica ("semántica" quere dicir "ligada ao significado"), seremos quen de expresármonos en termos que os ordenadores poidan interpretar e intercambiar. Dese xeito permitiremos que nos resolvan problemas tediosos, que nos axuden a atopar rapidamente o que procuramos: Unha información médica, a crítica dunha película, unha orde de compra dun libro, etc. As linguaxes do W3C RDF, XML, XML Schema mailas sinaturas dixitais XML son os alicerces da Web semántica.
A web é un espacio para a colaboración, non un soporte de lectura coma unha revista. De feito, o primeiro navegador Web era tamén un editor, malia que a maioría considere hoxe á navegación Web coma unha visualización mais que coma unha interacción. Na procura dun contorno máis proclive á colaboración compre tecer unha Web de confianza que ofreza confidencialidade e privacidade, inspire confianza, e permita que os usuarios se fagan responsables de (e respondan por) aquilo que ofrezan na rede. Estas arelas turran de moitos traballos do W3C nos eidos das sinaturas XML, dos mecanismos de anotación, traballo en grupo, xestión de versións, etc.
Fai vinte anos a xente mercaba software que só funcionaba con outros productos do mesmo fornecedor. Hoxe tense máis liberdade para escoller o software e presúmese que este será intercambiable. Suponse tamén que se poderá acceder aos contidos da Web co software que para tal se precise (navegador gráfico convencional, navegador de voz, liñas braille, teléfonos móbiles...). O W3C é unha organización neutral no aspecto comercial que traballa a prol da interoperabilidade deseñando linguaxes e protocolos abertos (non propietarios) que eviten a fragmentación do mercado. Isto acádase por medio do consenso da industria e co fomento dun foro aberto de discusión.
O W3C procura a excelencia técnica nos seus traballos, mais é consciente de que o coñecemento e a práctica actual pode non abondar para resolver problemas futuros. Por eso queremos construír unha Web que poda evolucionar cara unha Web aínda mellor sen ruptura da funcionalidade que se vaia acadando nesa evolución. Os principios de simplicidade, modularidade, compatibilidade e extensibilidade guían todos os esforzos de concepción e deseño do Consorcio.
A descentralización é un principio chave dos sistemas distribuídos modernos, incluídas as sociedades humanas. Nun sistema centralizado cada mensaxe ou acción debe pasar por unha autoridade central, aparecendo atascos cando o trasfego aumenta. Por iso, dende a fase de concepción e deseño, o W3C limita o número de mecanismos ou entidades centrais para reducir a vulnerabilidade da Web en conxunto. A flexibilidade (e a tolerancia a erros) é necesaria para os sistemas distribuídos, e non só para a Web senón para a propia Internet.
¿A quen non lle gustaría máis interactividade e posibilidades multimedia na Web, incluíndo imaxes de tamaño axustable, son de calidade, vídeo, efectos tridimensionais e animacións? O proceso de estandarización e consenso do W3C non limita a creatividade do fornecedor de contidos nin significa navegación aburrida. A través da súa comunidade de membros o W3C escoita aos usuarios finais, e traballa a prol de acadar unha arquitectura sólida que faga posible unha Web excitante, por exemplo con linguaxes como a de gráficos vectoriais escalabeis (SVG) ou a a de integración sincronizada de contidos multimedia (SMIL).
O W3C fundouse en outubro de 1994 para levar a World Wide Web ao seu potencial máximo desenvolvendo protocolos comúns que promoven a súa evolución e aseguran a súa interoperabilidade. Hoxe o W3C ten máis de 450 membros e cerca de 70 empregados en todo o mundo, que contribúen ao desenvolvemento de especificacións e software.
Saiba máis sobre:
Copyright
© 1999 - 2003 W3C® (MIT, ERCIM, Keio), todos os dereitos reservados. Rexen todas as normas do W3C sobre responsabilidade,
marcas rexistradas,
uso de documentos e licencias de software.
Última modificación: $Date: 2003/01/15 14:45:26 $